Fernández-Tapias e Anxo M. Lorenzo anuncian o primeiro Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza para celebrar o centenario do escritor

A delegada territorial da Xunta en Vigo e o director xeral de Cultura avanzan o acordo coa Asociación Évame-Oroza para conmemorar a figura do poeta cun certame literario, exposicións e unha obra coa participación de 100 escritores

“Oroza foi un dos grandes creadores que viviu na nosa cidade e desde o Goberno galego cumprimos o noso compromiso para divulgar a súa obra e converter a Vigo en punto de referencia cultural en todo o territorio nacional”, destacou

O galardón será convocado o vindeiro mes de marzo para obras en galego e castelán, dotadas cun premio económico de 6.000 euros cada unha, e cun recoñecemento á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía

Durante a presentación foi inaugurada a nova sede de Évame-Oroza no seu novo local rehabilitado nun emblemático edificio da praza do Abanico e adxudicado mediante o concurso público do Consorcio Casco Vello para dinamizar o barrio

Vigo, 26 de xaneiro de 2023 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, anunciaron este xoves a creación do primeiro Premio Internacional de Poesía Carlos Orozapara conmemorar o centenario do nacemento do escritor que residiu na cidade durante gran parte da súa vida. Segundo avanzaron durante a presentación do certame literario xunto ao presidente da Asociación Évame Oroza, Xabier Romero, a iniciativa enmárcase nos actos arredor da figura do poeta que se completarán con exposicións e unha obra na que participarán 100 artistas e intelectuais.

 

“É unha honra anunciar este acordo que ven a cumprir a petición por unanimidade do Parlamento Galego para divulgar a obra do poeta e que hoxe materializamos co anuncio para convocar un premio literario que converterá a Vigo en punto de referencia cultural en todo o territorio”, sinalou a representante autonómica. Segundo avanzou a delegada, o vindeiro mes de marzo será convocado o primeiro Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza en dúas modalidades (galego e castelán), cada unha delas cunha dotación económica de 6.000 euros, e un terceiro recoñecemento á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía (premiado cunha obra de arte).

 

O galardón, segundo explicou Fernández-Tapias, convocarase cunha periodicidade bienal e será unha das moitas iniciativas para celebrar o centenario do autor. Desta forma, outro dos actos culturais será unha exposición itinerante que comezará en Vigo e percorrerá as principais cidades galegas. Ademais, o acordo entre a Xunta e a Asociación Évame-Oroza inclúe a edición do libro “Oroza 100”, na que participarán cen artistas, intelectuais e escritores aportando a súa visión do autor e as súas propias experiencias.

 

Pola súa banda, o director xeral de Cultura destacou a figura do escritor Carlos Oroza (Viveiro, 1923 – Vigo, 2015) e a súa etapa na cidade olívica. “Foi un dos grandes creadores que viviu na nosa cidade e con todo o seu nome e a súa obra aínda son unha grande descoñecida entre os galegos, polo que estamos ante unha oportunidade única para afondar na divulgación do traballo do poeta e creador”, apuntou.

 

Ademais de Fernández-Tapias e Anxo Lorenzo, no acto de presentación participaron o presidente de Évame-Oroza, Xabier Romero, e outros membros destacados do colectivo cultural como os artistas Antón Pulido e Menchu Lamas, o músico Antón Reixa ou o xornalista Alberto Avendaño.

 

“Recuperar o pulso cultural”

A delegada territorial sinalou que Vigo ten un “potencial cultural inmenso que por desgraza non recibe apoio de ningunha outra administración e isto queda probado coa resposta que estamos recibindo a nosas iniciativas”. Tamén indicou que desde os primeiros contactos coa Asociación Évame-Oroza percibiron que existe “unha grande expectación por recuperar o pulso cultural na cidade”.

 

“Seguiremos traballando nesta dirección porque creemos que Vigo o necesita, Vigo ten que recuperar a posición que tivo nas vangardas culturais. Estamos nunha cidade que marcou unha época no despertar musical do país, pero tamén nunha cidade que a día de hoxe é líder na produción editorial, en ningún outro lugar de Galicia edítanse máis libros que en Vigo”, destacou.

 

Dinamización do Casco Vello

A presentación tamén serviu como estrea para a nova sede da Asociación Évame-Oroza nun edificio emblemático da praza do Abanico. O local foi adxudicado a través do concurso convocado polo Consorcio Casco Vello de Vigo que permitiu dinamizar a zona con novos negocios e emprendedores. “Estamos no primeiro local que inauguramos tras a iniciativa que levamos a cabo desde o Consorcio para reactivar o barrio histórico vigués e a pesar dos atrancos aquí está a proba de que a medida foi un acerto e o resultado e un éxito”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2023