Atopan dez poemas descoñecidos de Celso Emilio Ferreiro

CULTURA

Oscar Vázquez

O Colexio de Procuradores de Vigo, onde exerceu a profesión o escritor de Celanova, presentou os Poemas prohibidos

01 dic 2022 . Actualizado a las 00:12 h.

O Colexio de Procuradores de Vigo recuperou dez poemas descoñecidos de Celso Emilio Ferreiro escritos orixinalmente en castelán no ano 1971. A xénese destes escritos sitúase a comezos dos anos setenta, cando o poeta de Celanova vivía exiliado en Caracas. Baixo o título Antipoemas, Ferreiro presentou unhas composicións ao Premio Internacional de Poesía Álamo de Salamanca no ano 1971. Gañou o concurso, pero os editores promotores da convocatoria censuraron dez daquelas obras. O autor publicounos en Venezuela nunha separata titulada Poemas prohibidos, pero sen distribución comercial, como recorda o biógrafo do poeta, Ramón Nicolás.

«A través dunha carta dun dos xurados, sabemos que houbo voces naquel xurado que prevían a censura, aínda que puxeron por diante o seu valor literario», di o crítico. Engade Ramón Nicolás que catro daqueles poemas sairon nunha revista cultural venezolana de «circulación moi restrinxida polo que nunca foron incorporados a ningunha antoloxía de Celso Emilio e foron ignorados en Galicia». O contido daquela produción literaria incide na temática anticapitalista e de reivindicación popular galega característica na obra do autor de Longa noite de pedra, como é o caso de Fuego juzgo, agora traducido ao galego: «Se cada un de nós vala tanto coma vós, e todos xuntos, nós, valemos máis ca vós, ¿por que en lugar de nós habedes de ser vós quen nos gobernes a nós?»

José Antonio Fandiño, presidente do Colexio de Procuradores de Vigo, explicou que hai uns anos descubriron nos arquivos da institución que o escritor ourensán exercera na cidada como procurador ata 1966, cando marchou a Venezuela. Tras facer pública esa nova, e contactar coa familia de Ferreiro, foi cando o fillo deste, Luís Ferreiro, entregoulle un escrito cun daqueles poemas. Expertos na obra de Celso Emilio decatáronse entón de que era un inédito. «Unha vez coñecemos o poema, indagamos na súa procedencia. É de xustiza sacar á luz poemas que no seu día foron censurados para que todos poidamos abraiarnos con este novo Celso Emilio que estamos a descubrir», explicou José Antonio Fandiño.

Na presentación dos poemas inéditos estiveron presentes Luís Ferreiro, fillo de Celso Emilio, e Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, quen recordou que o poeta foi quen conectou o sentimento galeguista e a reivindicación social coa xeración estudantil de finais dos sesenta e principios dos setenta. «Os seus poemas convertéronse entón en auténtico himnos xeracionais, e cando morreu, no ano 1979, quedamos sen referentes, quedamos orfos», sinalou Rosario Álvarez.

Tras a presentación dos poemas, no Marco de Vigo, tivo lugar unha lectura dos mesmos